25/11/20

XADREZ XXX ANIVERSARIO

O XXX Torneo Universitario de Xadrez estaba programado para o pasado mes de marzo, pero loxicamente tivo que ser aprazado e agora convocamos esta actividade xadrecistica presencial. Queremos ir recuperando a actividade, como pasou no online da semana pasada que contou con 26 participantes.

Xadrez do XXX Aniversario é unha actividade de práctica presencial de xadrez a desenvolver do 9 de decembro ao 22 de decembro. Cada xogador disputará partidas un máximo de 5 días en función do número de inscritos e o sistema resultante, resumido na parte baixa.

Participantes: Poderán participar nesta proba os alumnos, os PAS e os PDI da Universidade da Coruña.

Modalidade: Pola situación actual marcaranse partidas entre os participantes nun sistema que variará para adaptarse a un máximo de 6 xogadores cada día na sala de xogo.

Haberá un grupo de whatsapp para informar das roldas, especialmente no caso de ter que recurrir a un modelo de eliminatorias.

Ritmo de xogo: 15 minutos + 3 segundos de incremento.

Lugar: Centro Universitario de Riazor. Planta Baixa. Sala na que só coincidrán 6 xogadores cada día e con ventilación axeitada.

Horario: 20,00 (Poderá haber certa flexibilidade horaria en caso de solicitude xustificada)

Premios: O mellor desta actividade recibirá un trofeo. Ademais os 10 primeiros clasificados recibirán un vale dunha pizza mediana do noso colaborador Pizza Movil.

Máximo de inscritos: Estimamos que os xogadores que finalmente se animen non serán tantos, pero queda estabrecido un máximo de participantes de 24.

Inscricións: A inscrición é de balde e debe realizarse nesta ligazón 
Os inscritos autorizan a publicación das fotos realizadas no Torneo e das listaxes de clasificacións parciais e finais.

Arbitraxe e dirección do torneo: O árbitro da proba será Brais Casas, arbitro titulado da Federación Galega e presidente no curso pasado de INCUDE. Será asistido e complementarán o Comité do Torneo Ernesto Pérez, coordinador de xadrez e arbitro titulado e Pablo Furelos, presidente actual de INCUDE.

ASPECTOS ESPECIAIS POLA COVID

Será de aplicación a normativa de prevención antiCOVID da UDC e o protocolo de adestramento da Federación Galega de Xadrez. As seguintes normas tamén serán de aplicación en tanto complementan algunhas das anteriores e non as limitan. 

1. É obrigatorio levar posta unha máscara en todo momento. Non estará permitido comer ou beber na sala de xogo. INCUDE entregará ademais unha máscara a tódolos participantes e un "salvaorellas".

2. É obrigatorio o uso do xel na entrada do edificio e de novo na entrada da sala de xogo. Así mesmo deberá usarse sempre que as mans entren en contacto con superficies non desinfectadas e especialmente tras tocar as pezas manipuladas anteriormente polo rival (no caso das capturas). INCUDE facilitará un pequeno frasco de xel a cada xogador.

3. Tamén será obrigatorio o uso da alfombra desinfectante que se coloque á entrada sa Sala de Xogo.

4. A sala estará permanentemente ventilada, coas portas e ventás abertas do xeito que se considere oportuno para a renovación do aire.

5. Os xogadores non permanecerán na sala de xogo mais tempo do necesario para xogar a partida. Polo tanto non haberá análise posterior. Tampouco poderán pasear pola sala.

6. Os xogadores non deberán darse a man ao inicio ou fin da partida. 

7. Antes de entrar na sala medirase a temperatura dos participantes.

8. Os aspectos aqui expostos poden verse complementados, antes e durante o torneo co fin de garantir na medida do posible unha actividade segura.

Anexo. Estrutura do torneo segundo número de asistentes:

Até 6 xogadores:
Liga a unha volta.
Días de xogo: 9, 11, 14, 16 e 18

7 ou 8 xogadores:
Eliminatoria os días 9 e 11 (un dos dous días)
Liga entre clasificados 14, 16 e 18

De 9 a 13 xogadores:
Sistema suízo a cinco roldas. Cada rolda disputarase en dous días. 
Primeira Rolda: 9 ou 10
Segunda Rolda: 11 ou 14
Terceira Rolda: 15 ou 16
Cuarta Rolda: 17 ou 18
Quinta Rolda: 21 ou 22

De 14 a 21 xogadores:
Primeiras eliminatorias os días 9, 10 e 11 (un dos tres días)
Segundas eliminatorias os días 14 e 15 (un dos dous días)
Terceiras eliminatorias o día 16
Semifinais o día 17
Final o día 18

22, 23 ou 24 xogadores:
Primeiras eliminatorias os días 9, 10, 11 e 14 (un dos catro días)
Segundas eliminatorias os días 15 e 16 (un dos dous días)
Terceiras eliminatorias o día 17
Semifinais o día 18
Final o día 21