22/09/16

Carta de presentación do novo presidente


Asumo este cargo con orgullo sabendo tamén a gran responsabilidade que supón e, así mesmo, quero expresar o meu agradecemento pola confianza depositada na miña persoa para dirixir un clube cunha traxectoria tan ampla no xadrez coruñés e galego. Non debe faltar un agradecemento a Ernesto Pérez Ramil, que dirixiu o CIDU dende a súa fundación hai 22 anos e levou a cabo innumerables eventos e torneos para a promoción do xadrez.

Este cambio na presidencia trae tamén un cambio na liña de actuación. Tras
o próximo trasvase de xogadores cara o novo clube Xadrez das Mariñas, o CIDU encargarase de formar un equipo con xogadores universitarios, fortalecendo a cooperación coa súa asociación irmá INCUDE. En consonancia con isto, daremos máis importancia á escola de xadrez para a formación de universitarios posibilitando á xente apuntada a incorporación ao clube cunha cota de socio gratuíta.

Por último, quero manter o compromiso coas institucións de goberno e outras entidades que mantiñan contacto co clube, entre as que se atopa Fegaxa, e seguirase cos torneos que ano tras ano celebramos convertíndoos en tradición, como é a Copa Galicia que xurdiu por iniciativa deste clube.

Daniel Codesido Sánchez
Presidente do CIDU

18/09/16

Novo presidente

A xuntanza do venres pasado elixiu ao novo presidente do Club de Iniciativas Deportivas Universitarias.

Ernesto Pérez, fundador e presidente dende a fundación en 1994, foi substituído por Daniel Codesido, ata agora tesoureiro do Club.

Daniel é tamén presidente da asociación universitaria INCUDE, entidade que deixará o vindeiro mes de outubro tras acabar os seus estudios universitarios.

Con 23 anos, levaba catro como directivo, e algún mais como xogador do equipo de xadrez.

12/09/16

Empeza a Escola Universitaria de Xadrez

Este ano a UDC adianta a súa programción así que empezará o mércores 21 de setembro.

Necesario chegar ao 50% do cupo mínimo para empezar!

07/09/16

Clases para rapaces 2016-2017

As actividades comezarán o día 16  de setembro e rematarán en xuño.

Para participar hai que ser socio do CIDU.

Matrícula: 25 euros
(Inclue a ficha federada e unha camiseta para disputar as partidas da Liga)

Cota mensual: 10 euros (a cobrar a partir do mes de outubro)

Venres

16,30-17,30: Clases no CUR. Para rapaces con algún coñecemento.

17,30-18,30: Clases no CUR. Para menores de 8 anos.

Sábados

12,00-13,00: Clases no CUR. Para rapaces con coñecemento e que xoguen torneos habitualmente.


As imaxes dos carteis poden resolver dúbidas e poden consultar no teléfono 981 150 168 ou no correo cidu@xadrezuniversitario.org

06/09/16

Liñas de traballo para a temporada 2016-2017

O venres 16 terá lugar a Asemblea de Socios e o documento para o debate é o que se ve nas dúas páxinas que aparecen nas imaxes. Hai moito do que falar e debatir polo que aconsellamos a asistencia de todos.

01/09/16

Asemblea do CIDU

En cumprimento do artigo 16º dos Estatutos sociais e cumpridos os catro anos de mandato da actual Xunta Directiva, o presidente do CIDU ven convocar

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA

Punto único:

Elección do presidente e da Xunta Directiva do CIDU, para o periodo 2016-2020

Celebración:

Centro Universitario de Riazor
Venres 16 de setembro de 2016
20,00 horas