22/09/16

Carta de presentación do novo presidente


Asumo este cargo con orgullo sabendo tamén a gran responsabilidade que supón e, así mesmo, quero expresar o meu agradecemento pola confianza depositada na miña persoa para dirixir un clube cunha traxectoria tan ampla no xadrez coruñés e galego. Non debe faltar un agradecemento a Ernesto Pérez Ramil, que dirixiu o CIDU dende a súa fundación hai 22 anos e levou a cabo innumerables eventos e torneos para a promoción do xadrez.

Este cambio na presidencia trae tamén un cambio na liña de actuación. Tras
o próximo trasvase de xogadores cara o novo clube Xadrez das Mariñas, o CIDU encargarase de formar un equipo con xogadores universitarios, fortalecendo a cooperación coa súa asociación irmá INCUDE. En consonancia con isto, daremos máis importancia á escola de xadrez para a formación de universitarios posibilitando á xente apuntada a incorporación ao clube cunha cota de socio gratuíta.

Por último, quero manter o compromiso coas institucións de goberno e outras entidades que mantiñan contacto co clube, entre as que se atopa Fegaxa, e seguirase cos torneos que ano tras ano celebramos convertíndoos en tradición, como é a Copa Galicia que xurdiu por iniciativa deste clube.

Daniel Codesido Sánchez
Presidente do CIDU